Sunday 05 de May de 2024

A Policía Local de Fene investiga a vertedura incontrolada de pneumáticos en varios puntos do municipio


Sospéitase dunha actividade “regular e organizada” que conlevaría sancións de ata 2.000.000 de euros
O departamento de Servizos do Concello de Fene está atopando desde hai varias semanas unha grande cantidade de pneumáticos usados ciscados ao pé dos colectores do lixo e nalgúns casos incluso no seu interior. Os puntos máis afectados por esta vertedura son as vías principais de Limodre, Sillobre, Barallobre, a estrada da Armada e o Polígono do Vilar do Colo. O elevado número de rodas e o feito de que todas fosen aparecendo no mesmo intervalo de tempo levan ao Concello a sospeitar de que non se trate dun problema puntual, senón dunha actividade “regular e organizada” recollida na Lei de Residuos Sólidos de Galicia como unha infracción moi grave, con sancións que poderían chegar aos dous millóns de euros. A Policía Local de Fene investiga xa o caso e desde o Concello solicítase a colaboración veciñal para achegar calquera dato que permita dar coas persoas responsables.

Os pneumáticos usados están considerados residuos perigosos e, polo tanto, non poden depositarse nos colectores do lixo nin moito menos tirarse en calquera lugar. Deben ser tratados por empresas especializadas e, de feito, os talleres cobran unha pequena taxa de reciclaxe cada vez que lle cambiamos as rodas ao noso vehículo.

En Fene téñense rexistrado casos puntuais de cubertas usadas ao carón dos contedores e en lugares onde non deberían estar. Até o momento eran só iso, casos illados e de escasa importancia que o Concello tiña capacidade para recoller e enviar a tratar. Porén, tralo confinamento a área municipal de Servizos empezou a notar un incremento do problema que nun primeiro momento ocasionou unha factura de 2.500 euros en gastos de recollida e reciclado.

A situación complicouse aínda máis nas últimas semanas, xa que se contabilizaron máis dun cento de pneumáticos de distintos tamaños repartidos polas paradas da recollida do lixo de Limodre, da estrada da Armada, Sillobre, Barallobre e o Vilar do Colo.

A responsable do departamento, Mar Piñeiro, explica que o alto número de rodas encontradas en tan pouco tempo “racha con calquera estatística e co que poderíamos considerar como habitual. Cremos que se trata dunha vertedura ilegal en toda regra que se está facendo con nocturnidade aquí e acolá para disimulala como casos puntuais”.

Piñeiro incide, unha vez máis, en que os pneumáticos usados son refugallos cun alto poder contaminante e que desfacerse deles desta maneira “é unha conduta sancionable que vén recollida na normativa galega como unha infracción moi grave, con multas que van desde 301.001 ata 2.000.000 de euros”

Pola súa banda, a concelleira de Seguridade, Sandra Permuy, indica que “todos os indicios apuntan a unha operación que se está facendo de maneira regular e organizada, por iso a Policía Local leva xa varios días investigando o asunto e reforzando a vixilancia”.

Neste sentido, desde o Concello apélase á colaboración veciñal pedindo que se contacte coa Policía municipal ou coa Garda Civil no caso de que se presencien verteduras de rodas ou calquera outro residuo perigoso “sexa nos colectores, na vía pública ou en calquera outro lugar”.